Asemblea Interdiocesana de Vocacións. E ti… sentes a chamada?

  • Celebrarase o 29 de novembro no Seminario Interdiocesano “Apóstolo Santiago”
  • Ten como obxectivo ofrecer un espazo común de reflexión, encontro e oración sobre a vocación cristiá en todas as súas dimensións
  • As dioceses galegas reafirman así o seu compromiso co acompañamento vocacional

As cinco dioceses galegas —Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Tui-Vigo— convocan conxuntamente a Asemblea Interdiocesana de Vocacións, baixo o lema «Para quen son?», que se celebrará o sábado 29 de novembro, de 10:30 a 18:30 horas, no Seminario Interdiocesano «Apóstolo Santiago». A iniciativa é froito e prolongación da experiencia vivida no Congreso Nacional de Vocacións —celebrado en Madrid o pasado mes de febreiro, baixo o lema «Para quen son? Asemblea dos chamados para a misión»—, que contou coa participación de preto dun centenar de persoas da Igrexa galega.

Este encontro ten como obxectivo ofrecer un espazo común de reflexión, encontro e oración sobre a vocación cristiá en todas as súas dimensións. Ademais dos representantes diocesanos que asistiron ao Congreso en Madrid, participarán na xornada outros sacerdotes, membros de vida consagrada, seglares —especialmente novas— e os cinco bispos da provincia eclesiástica, para compartir experiencias, testemuños e propostas que axuden a suscitar unha auténtica cultura vocacional nas comunidades cristiás de Galicia. Posteriormente elaborarase un documento coas conclusións.

As delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia expresan que esta Asemblea pretende ser «unha oportunidade para descubrir que toda vocación é resposta a unha chamada concreta de Deus e para tomar conciencia de que cada vida ten un sentido e unha misión ao servizo dos demais».

Ao longo do día desenvolveranse momentos de oración, conferencias, traballos en grupo e testemuños vocacionais, nun ambiente de comuñón eclesial e colaboración entre as distintas dioceses. O irmán de La Salle, Jorge Sierra, ofrecerá un relatorio temático titulada «Cara a unha cultura vocacional». O encontro pecharase cunha eucaristía conxunta, signo visible de unidade e esperanza para a Igrexa en Galicia.

Con esta iniciativa, as dioceses galegas reafirman o seu compromiso co acompañamento vocacional e a promoción dunha pastoral que axude aos fieis a discernir e vivir a súa chamada nos diversos ámbitos da vida cristiá.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas