Presentación na diocese da 4ª edición da Biblia en galego

O luns 6 de novembro, ás 19:30 horas, a Sociedade Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) presentará a cuarta edición da Biblia en galego (revisión lingüística 2021), no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol.

No acto intervirán o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos; o vicepresidente de SEPT e representante da edición, Silvestre Gómez Xurxo; o biblista supervisor da edición e deán da catedral de Santiago, Xosé Fernández Lago; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; e o delegado diocesano de Pastoral Rural, Manuel Regal Ledo.

O exemplar, xa dispoñible na web da editorial, pódese mercar nas principais librarías, a un prezo de 35 euros. Nos pedidos á editorial SEPT haberá un desconto do 25 % (3 euros de gastos de envío, que non se cobrarán para pedidos de tres ou máis exemplares) ou 30 % (a partir de 50 exemplares).


A Biblia en galego, a grande obra da editorial SEPT

Desde os inicios, no ano 1966, xa se tiña a intención de abordar esta publicación tan importante no ámbito da relixión cristiá e tamén da cultura universal. No ano 1973 tómase a decisión de facer unha versión galega partindo das linguas orixinais coa participación de especialistas e expertos biblista galegos, contando co apoio do arcebispo de Santiago de Compostela.

A Biblia en galego, promovida e editada por SEPT en 1989, pode considerarse a obra máis importante realizada pola editorial. Desde a súa creación xa se tiña a intención de abordar esta publicación tan importante no ámbito da relixión cristiá e tamén da cultura universal.

Aínda que existía a posibilidade de publicar algunha versión existente en galego, como a de Manuel Casado Nieto, tómase a decisión no ano 1973 de facer unha versión galega partindo das linguas orixinais coa participación de especialistas e expertos biblista galegos, para o que se contou co apoio do arcebispo de Santiago de Compostela. A coordinación estivo a cargo de Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago.

Na promoción, xestión e edición, que durou dezaseis anos, implícáronse de maneira directa o presidente e o director de SEPT, Alfonso Zulueta de Haz e Francisco Domínguez. Practicamente a totalidade dos tradutores traballaron de maneira gratuíta. A editorial cubriu os gastos de adquisición de textos de referencia, fotocopias, revisión e outras tarefas de apoio. Para afrontar estes gastos creouse un grupo de cotizantes que mensualmente atendían un recibo.

A xenerosidade de todos os que se involucraron nesta tarefa resulta encomiable. Rematados os traballos de tradución, a Xunta de Galicia financiou a primeira edición no ano 1989, de 5.000 exemplares. A primeira presentación fíxose na Romaxe do Ancoradoiro na que me correspondeu a honra de facer o seu entronizamento a carón dos benqueridos Pepe Chao e Ramón Dosil. Non puido escollerse mellor marco que aquela xuntanza de crentes “renacendo en galego”. Máis adiante fixéronse outras dúas edicións máis do mesmo número de exemplares, téndose editado un total de 15.000 exemplares. O día 12 de xullo de 2022 fíxose a presentación en Santiago de Compostela da cuarta edición revisada lingüísticamente, realizada por un equipo de filólogas e filólogos galegos, que traballaron gratuitamente.

A saída da primeira edición coincide coa visita do papa Xoán Paulo II a Compostela e o Goberno galego, patrocinador da edición, decide agasallalo cun exemplar da primeira edición especialmente encadernado en pel branca. Unha representación de SEPT fai entrega deste exemplar ao presidente da Xunta, Fernando González Laxe.

A Biblia de SEPT conseguiu o emprego dun galego axeitado ao rigor científico da tradución e ao mesmo tempo asequible á xente no vocabulario e nas expresións. A aplicación pastoral así o esixía. Tamén se coidou moito a dignidade da edición en papel biblia e con pastas simil-pel e letras douradas estampadas. A dignificación da nosa lingua non pasaba por menos. Obtívose unha edición que nada ten que envexar á de outras linguas. No ano 1990 recibiu o Premio Nacional de Tradución.

Os bispos de Galicia solicitaron o emprego da tradución nos leccionarios da palabra das misas, editados posteriormente.

O recoñecemento chega ao punto de que a comunidade evanxélica e as Testemuñas de Xehová empregan esta Biblia nas súas celebracións de culto en Galicia.

Francisco Domínguez (Presidente de SEPT)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas