Como vén sendo habitual na véspera da solemnidade do Apóstolo Santiago, o arcebispo compostelán, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu hoxe a reunión dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago.
Estiveron presentes o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco; o bispo de Ourense, monseñor José Leonardo Lemos Montanet; o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos; e o de Tui-Vigo, monseñor Antonio José Valín Valdés, quen asistiu por primeira vez tras a súa ordenación episcopal e toma de posesión como titular da sé tudense o pasado sábado.
No encontro, celebrado no arcebispado compostelán, tratáronse asuntos de interese común para as dioceses galegas. Tamén asistiu o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago, o sacerdote José Andrés Fernández Farto.