Oitenta e nove voluntarios e axentes de Cáritas Mondoñedo-Ferrol participaron o pasado sábado no XIV Encontro de Voluntariado organizado por todas as Cáritas de Galicia. O encontro tivo lugar en Santiago de Compostela, no Colexio La Salle, onde se reuniron máis de 350 voluntarios das cinco Cáritas galegas.
O tema que vertebrou toda a reunión foi o dos dereitos humanos e a misión de Cáritas. Para iso contouse coa reflexión de Sonia Olea, xurista experta en Dereitos Humanos dos servizos xerais de Cáritas Española. Na súa intervención insistiu en como a perspectiva dos dereitos humanos é fundamental no quefacer de Cáritas para derivar ás administracións públicas nas súas competencias, para facer incidencia política, para axudar na transformación social das causas que xeran exclusión social. “Non se trata de facer cousas novas senón de ver a realidade social que atendemos desde esta perspectiva”.
Ao relatorio seguiron varios obradoiros que versaron sobre diferentes programas ou problemáticas sociais que se abordan desde Cáritas: a vivenda, o emprego, a inmigración, os maiores…
Tras o almorzo, o encontro concluíu coa eucaristía que presidiu o noso bispo Fernando García Cadiñanos, acompañante tamén das Cáritas en Galicia. “No Domingo da Misericordia é bo que nos reunamos os que estamos chamados a ser testemuño da misericordia do Pai”, dixo na súa homilía. O acto contou coa presenza, ao comezo, do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, ao que se lle agradeceu publicamente o seu traballo ao longo do seu episcopado na tarefa de Cáritas.





Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.























