Actos da fundación "Ayuda a la Iglesia Necesitada" en Ferrol

Durante a última semana deste mes de abril, a fundación pontificia “Ayuda a la Iglesia Necesitada (ACN)” desenvolverá distintas actividades pastorais en Galicia, algunhas delas na nosa diocese.

Concretamente, o martes 25 de abril, ás 09:30 horas, na capela deas Escravas do Santísimo, celebrarase unha eucaristía en memoria dos cristiáns perseguidos no mundo, coa presenza da icona da Anunciación, rescatada de Homs (Siria), no que pode verse reflectido un impacto de bala ocasionado polo Daesh. Na xornada de tarde, ás 20:00 horas, na igrexa parroquial de Nosa Señora do Rosario (UPA Ensanche), celebrarase unha eucaristía presidida polo bispo diocesano, e a continuación pronunciarase a conferencia “Cristiáns perseguidos hoxe”, a cargo de Carlos Tortosa Saavedra, responsable de “Ayuda a la Iglesia Necesitada” en Galicia.

O xoves 27 de abril, nesta ocasión na igrexa castrense de San Francisco, 19:00 horas, celebrarase a eucaristía e pronunciarase a conferencia “Cristiáns perseguidos hoxe”.

 

A icona da Anunciación de Homs, Siria

Esta icona procede da igrexa greco-ortodoxa Virxe María, da cidade de Yabroud, na diocese de Homs, Hama e Yabroud, no centro de Siria. Foi rescatada o 14 de marzo de 2014 xunto a unha cruz.

Homs é a terceira cidade do país e sufriu entre 2011 e 2015 duros combates entre grupos rebeldes e o exército sirio. Durante este período a maior parte das cidades estiveron controladas por grupos yihadistas, como o Estado Islámico ou Al Qaeda, que destruíron numerosas igrexas, esnaquizando e profanando obxectos cristiáns.

Unha icona non é un mero debuxo ou unha expresión artística. As iconas son representacións pictóricas de Jesús, María, os santos ou pasaxes da Sagrada Escritura, seguindo unha técnica particular que se perfeccionou na arte do imperio bizantino. Por iso están moi ligados á igrexa católica e ortodoxa de Oriente. Teñen a finalidade de acompañar e animar á oración.

A icona da Anunciación de Homs representa a pasaxe do evanxeo de san Lucas (1, 26-38), no que o arcanxo Gabriel anuncia a María que vai ser a nai de Deus, momento no que se produce a encarnación de Xesús no ventre da Virxe. Do mesmo xeito que outras iconas, obxectos litúrxicos e templos, sufriu o ataque dos yihadistas: foi tiroteado. Pódense apreciar os buracos de bala sobre a madeira na que está pintado a icona. Mesmo hai unha bala aínda incrustada na parte superior dereita.

Este obxecto tamén nos fala de esperanza, porque os cristiáns puideron regresar aos seus fogares e ás súas igrexas de Homs. Eles, a pesar da violencia que sufriron e seguen sufrindo, queren dicir como María un gran “si” ao Señor.

Antes da guerra, os cristiáns en Siria eran o 10 % da poboación, uns dous millóns de persoas, cunha presenza que se remonta aos primeiros momentos do cristianismo. Na actualidade calcúlase que quedan en Siria apenas uns 500.000 cristiáns.


Ayuda a la Iglesia Necesitada

Ayuda a la Iglesia Necesitada (ACN) é a fundación pontificia que apoia á Igrexa católica no seu labor evanxelizador nas comunidades máis necesitadas, discriminadas e perseguidas do mundo. Cada ano, financia ao redor de 5.000 proxectos pastorais e de emerxencia humanitaria en 140 países.

Conta con máis de vinte oficinas no mundo (en España desde 1965), dedicadas a informar sobre a realidade destes cristiáns, ao fomento da oración e á recadación de fondos para a cobertura de proxectos. O 100% dos proxectos que desenvolve ACN sostéñense grazas aos donativos de persoas físicas ou organizacións que valoran o labor da Igrexa no mundo, non recibindo subvencións de organismos públicos.

En Galicia o seu responsable rexional é Carlos Tortosa Saavedra. Recentemente mantivo un encontro con algúns dos bispos galegos, entre eles o de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, coa intención de presentarse e dar a coñecer o proxecto de implantación e desenvolvemento da delegación de ACN na nosa comunidade.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas