- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do Día da Igrexa Diocesana 2025
A Igrexa realiza infinidade de actividades e promove centos de iniciativas. Moitas delas coñecémolas polos medios de comunicación e son valoradas pola nosa sociedade. Especialmente no ámbito do social. Pero a súa esencia máis importante é a de xerar vida interior, formar e cultivar a espiritualidade, plenificar a vida de cada persoa, colmala, realizala plenamente, satisfacer a súa sede de infinito e axudarlle a alcanzar o cume da súa vocación: iso é o que chamamos a santidade, que non é a perfección, senón a plenitude no seu propio estado. Unha meta que non podemos alcanzar sós e polas nosas propias forzas senón que é froito da graza, da axuda de Deus: é El o que nos conduce á meta, o que nos abre a horizontes inalcanzables por nós mesmos. E a comunidade cristiá é o instrumento polo que se nos concede esta graza, esta vida nova. Coa Igrexa e a través dela santificámonos.
O Día da Igrexa Diocesana deste ano convídanos a recoñecer este agasallo que se nos dá a través da Igrexa. Ela, pecadora e con tantas imperfeccións, ofrécenos, con todo, os sacramentos, a Palabra, a comunidade e outros medios que nos permiten ter a mesma vida de Deus, nutrir a nosa vida interior e ter moita vida que se expresa en vida de caridade, de alegría, de esperanza, de compromiso… É un día para descubrir e recoñecer esta fonte de santidade, de vida, de felicidade que naceu no seo da Igrexa e que se manifesta en tantos homes e mulleres concretos, como nós, que alcanzaron a santidade. Eles son modelos para tantas persoas, eles fixeron o ben ao seu arredor, eles deixaron un regueiro de esperanza ao seu paso. E sen a Igrexa, sen o seu misterio e a súa esencia, non alcanzarían esa presenza que hoxe agradecemos.
Tamén na nosa diocese houbo moitos homes e mulleres, “santos da porta do lado”, que se alimentaron na Igrexa. Convídovos a reler o libro publicado no seu momento que falaba destas “testemuñas da fe na nosa terra”. Homes e mulleres sinxelos, coñecidos de tantos de nós. E penso, tamén xunto ao noso san Rosendo, en san Inocencio e os beatos da persecución relixiosa, ou nos que están camiño dos altares que naceron nestas terras: Luis de Trelles, de Viveiro, fundador da Adoración Nocturna, e Ignacio Echevarría, o heroe do monopatín, natural de As Pontes. Todos eles viviron e alimentaron a súa fe na Igrexa. E a través dela chegaron a realizar a súa admirable obra.
Que nós tamén, nesta xornada, descubramos este misterioso e valioso tesouro que nos chega a través da Igrexa.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















