- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Semana Santa 2026
Un ano máis a Semana Santa chama ás portas. Comezamos unha nova oportunidade de celebrar o Misterio Pascual nas nosas igrexas e de prolongalo nas nosas rúas. As rúas dalgunhas das nosas cidades, como Ferrol, Viveiro, Mondoñedo e outras máis, veranse enriquecidas polo paso das procesións que son prolongación do noso culto e o testemuño de vida que se fai cultura e beleza. É momento de agradecer o inmenso traballo que todas as confrarías realizades ano tras ano. A vosa dedicación e a vivencia profunda dos Misterios non é mera tradición, senón unha verdadeira e pública manifestación de fe.
O papa Francisco, cando era aínda bispo en Buenos Aires, deixou escritas estas palabras: «Convídovos, pois, a que saiades ás rúas e acompañedes os pasos de Semana Santa, é unha forma de evanxelizar! A través da beleza plástica das imaxes que reflicten instantes concretos da Paixón, Morte e Resurrección do Señor, estamos a evanxelizar! Por medio da participación activa e ben coordinada nas procesións damos testemuño da nosa fe, unha fe que, imbricada na cultura e na arte dos nosos pobos e cidades, fai que os nosos concidadáns se asomen ao misterio redentor dun Deus que por amor a toda a humanidade, a todos, entregouse no Misterio da Cruz. É necesario saír ás rúas, porque tamén en e por elas transcorren as nosas vidas e quefaceres cotiáns. Tamén no medio delas temos que converternos en testemuñas vivas e valentes dun Cristo vivo».
Pero a Semana Santa é moito máis que a posta en escena dun pasado: é a experiencia presente dun Deus que ama ao mundo ata o extremo de dar a vida. Por iso, anímovos moi especialmente a abordar esta celebración desde a única clave cristiá que lle dá sentido pleno: a fe e a esperanza.
Contemplar o misterio do amor de Deus manifestado en Xesús, que foi pasado pero sempre é presente, hanos de encher de asombro e agradecemento. Este é o inicio do camiño para a fe. Pero tamén nos convida a revisar cal é a nosa resposta a ese amor entregado e como nos move a transformar a nosa vida e as nosas comunidades. A Cruz tamén é motivo de esperanza para un mundo tan ávido dela. Ao mirar ao Crucificado atopamos a salvación. A realidade da dor que atravesa toda a nosa vida, misteriosamente únese a aquela Cruz e atopa nela un raio de luz e de fortaleza. A violencia dos inxustamente masacrados e ajusticiados polo mal que aniña no noso mundo (pensemos nas guerras, nas diferentes violencias, nos desprazados por múltiples motivos…) realmente é iluminada e vencida por aquel xusto ajusticiado. A Cruz é árbore de vida, acubillo de camiñantes, faro na tormenta.
O Crucificado ilumina a nosa vida. Por iso expoñémolo na praza pública. Convídovos a contemplar esta Cruz que nos salva. Que nela, no encontro co seu amor, elevemos a nosa oración por nós e espertemos a unha maior sensibilidade polos crucificados do noso mundo. Porque vivir a Paixón do Señor lévanos a solidarizarnos cos que sofren no noso tempo.
A Semana Santa convértese así en escola de amor, de fe e de esperanza. Contemplar os tronos é contemplar o amor de Deus mostrado en Cristo. Pero tamén é reler a nosa historia e unha provocación para a solidariedade e a cultura do coidado. É acoller a esperanza que nos vén da Cruz. Por iso, convídote a que non quedes no externo. Entra no corazón do Misterio que representan. Dá vida aos sentimentos que te provocan, transforma o teu corazón, a túa mente, os teus xuízos, os teus valores ao paso daquilo grande que contemplas. Só así quedaremos tocados polo Amor que se manifesta na Cruz, e pola vitoria de Cristo sobre o pecado e a morte.
Que vivamos unha feliz Semana Santa.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
[Imaxe de portada: Roberto Marín – Encontro Diocesano de Confrarías 2025]








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















