Votar é mirar a realidade. Durante estes días previos ás eleccións do próximo 18 de febreiro aflorarán, sen dúbida, diferentes miradas a unha mesma situación. Pero é posible que non sexa a realidade a que se observe, senón que sexa a idea ou a ideoloxía a que prevaleza. Se nos damos conta, a nosa mirada moitas veces está marcada pola cor co que a miramos. Para votar, con todo, convídasenos a alzar a mirada e deixar que sexa a realidade a que prevaleza sobre a idea. É necesario superar a perspectiva autorreferencial con que observamos o que nos rodea. Unha mirada ao ben común, que ha de orientar sempre o sentido do voto, ha de axudarnos a descubrir o que nos pasa, o que nos acontece, o que nos circunda. Especialmente o que moitas veces non queremos ver ou se nos oculta, o que lles pasa aos que están peor que nós, o que viven os pobres…
Esa mirada á realidade fainos ver as nosas capacidades, as nosas posibilidades. Pero tamén os problemas que como sociedade habemos de afrontar nesta terra nosa: articular unha sociedade onde as diferenzas non sigan crecendo, senón que se reduzan; vertebrar un territorio que permita un desenvolvemento sostible entre todas as partes que o compoñen; coidar da familia, promovendo políticas que axuden na defensa da vida e da conciliación da vida familiar e laboral; promocionar un traballo digno para todos; loitar por garantir o acceso á vivenda para todos; traballar pola integración das persoas na sociedade desde a interculturalidade; promover unha cultura, economía e política que respecten a dignidade da persoa… Sen dúbida son estes algúns dos problemas que nos preocupan e que xuntos, sen que ninguén quede excluído tras as eleccións, habemos de empeñarnos por resolver.
Votar é xulgar. Cada catro anos os cidadáns temos a oportunidade de controlar o poder, de valorar o realizado, estimar o rumbo que tomamos, avaliar a eficacia e a altura moral dos que nos dirixen, manifestar, en definitiva, o grao de satisfacción da xestión… É bo que os servidores da sociedade rendan contas á cidadanía do realizado, do prometido, do que se construíu co que é de todos. É verdade que a mirada cortoplacista na política non sempre é boa, porque se necesita, para moitos temas, unha mirada a longo prazo que as eleccións impiden. Con todo, é valioso que sexamos capaces de valorar desde os nosos valores para dar talla moral á vida pública. Non permitamos que na vida política se promovan valores que nos destrúen, impiden a convivencia e hipotecan a vida das próximas xeracións, nin que se enraícen a mentira, os intereses particulares, os amiguismos, a ausencia de valores, os discursos baleiros… Se isto é así, a política desvirtúase e ha de ser renovada.
Votar é soñar. É oportuno que teñamos un soño sobre a nosa sociedade. Os que non soñan son incapaces de proxectarse no futuro. O soño levántanos o ánimo, oriéntanos no que buscamos e queremos persoal e comunitariamente. Os soños teñen que ver cos nosos ideais, cos nosos principios, cos nosos valores, cos nosos proxectos, co mundo que queremos deixar aos nosos fillos. Poñámolos sobre a mesa e, con outros, sexamos capaces de compartilos para articulalos e facelos realidade. Na capacidade de soñar, os cristiáns temos os principios da doutrina social da Igrexa que alimentan proxectos concretos de sociedade máis fraterna e humana. Non os esquezamos.
Votar é participar na vida política. Vivimos tempos de desencanto, especialmente no campo político. O desapego da política hanos de preocupar a todos pois pon en crise a mesma democracia. A política afastouse dos intereses da xente, profesionalizouse desvirtuándose na súa propia verdade. E, con todo, a política é necesaria se non queremos caer en mans da demagoxia ou do populismo ou do economicismo. Unha política que conleva a participación e que supera, sen dúbida, o momento da votación. Si, votar é un dereito e un deber que ha de realizarse moralmente, pero non esgota o compromiso político. Este aséntase nunha participación activa e permanente desde a caridade política, virtude que a chea de sentido.
Votar é elixir. E facelo en conciencia. Certo que o ben absoluto aplicado ás decisións políticas non existe. No ámbito do terreo sempre nos movemos entre o imperfecto. Non se trata, por tanto, de votar o mal menor. Prefiro expoñelo en positivo: votar buscando sempre o ben de todos e da casa común, descubrindo que programa permite con realismo a mellor realización posible das extraordinarias potencialidades aloxadas nos valores cristiáns. Aí tócanos discernir.
O voso irmán e amigo.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















