Estamos en plenas festas do Nadal. Son momentos de encontros familiares. Os que teñen a sorte de ter unha familia viven estes días cos seus seres máis queridos gozando da súa presenza e do seu agarimo. Os que están lonxe deles viven con anhelo e desexo o reencontro.
Os cristiáns celebramos neste domingo a festa da Sagrada Familia. É unha chamada de atención que nos esperta á urxencia de coidar na nosa sociedade a riqueza e o valor da familia. É unha oportunidade para presentar, no escenario do noso mundo, a beleza e o tesouro da realidade familiar. Tan é así que o propio Deus quixo vivir nunha familia. Isto é o que se nos presenta ao contemplar os nosos misterios do Nadal: o modelo dunha familia sinxela e acolledora.
Hai tempo oín unha expresión que repetín en numerosas ocasións porque me parece que ten unha fonda sabedoría: “Unha familia enferma orixina persoas enfermas; unha familia sa dá a luz persoas sas”. Os feitos certamente o demostran en tantas ocasións. Basta achegarse aos colexios e falar cos educadores para comprender a importancia que ten a familia no crecemento equilibrado e integral dunha persoa. Un bo clima familiar, sobre todo afectivo, condiciona enormemente o desenvolvemento das persoas.
E é que a familia se converte no primeiro ámbito de socialización que nos proporciona seguridade e equilibrio aos seus membros. Desta maneira, as persoas relaciónanse na contorna familiar fundamentalmente polo que son, e non tanto polas expectativas ou intereses que tanto nos condicionan. Así, desde o punto de vista psicolóxico, axudan no crecemento e acompañamento de todos aqueles que conviven na unidade familiar.
Pero non só iso: as familias están chamadas a ser auténticas escolas de humanidade. A familia axúdanos a abrirnos necesariamente aos outros e permítenos empatizar coas necesidades dos demais. Isto é así especialmente nas familias extensas e abertas á súa contorna máis inmediata. Na familia sa, as relacións persoais establécense desde o amor e permiten superar os egoísmos, o individualismo e as condutas antisociais. Os valores que a propia convivencia nos obriga a conxugar, como o sacrificio, a renuncia, o diálogo, o compartir e tantos outros, son valores fundamentais para a posterior convivencia en sociedade.
Ademais, a familia convértese tamén nesa primeira instancia á que acudir en tantas dificultades como a vida nos depara. Nos fracasos, nos desenganos, na perda da saúde, nos problemas económicos, nas carencias de horizonte e de esperanza… a familia acode no noso auxilio para poder afrontalas con máis serenidade e seguridade. Os que carecen desta rede son os que teñen máis posibilidades de caer vítimas da exclusión. Deste xeito, a familia é, como tantas crises nolo revelaron, o primeiro colchón social co que a nosa sociedade pode contar.
Se isto é así en tantas ocasións, só se me ocorre que temos que coidar moito a realidade familiar. Especialmente coidemos o núcleo da familia que é o matrimonio. Ben sabemos que a convivencia hoxe é moi complexa. Por iso, se cabe, é máis urxente fomentar todas as ferramentas que axuden a coidar actitudes e superar os conflitos. Como dixemos os bispos españois nun recente documento: “Cada persoa ha de asumir a responsabilidade de coidar a propia familia, dedicándolle tempo e loitando por ela como expresión tamén de responsabilidade social. Non basta só a queixa polo que ocorre ao redor, é preciso falar tamén cos feitos para transformar e mellorar o que está ao noso alcance, sen perder de vista o horizonte global”.
E xunto ao traballo persoal, é urxente unha política familiar activa que protexa a realidade familiar como o mellor tesouro que a nosa sociedade ten e que non pode perder. Non é posible que as nosas institucións se desentendan deste activo que é tan importante e, á vez, tan fráxil. Coidemos entre todos ás nosas familias. Nesta tarefa está comprometida a nosa Igrexa diocesana.
O voso irmán e amigo.
+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















