Contar nunha diocese modesta como a nosa coas dúas Semanas Santas declaradas de Interese Turístico Internacional é un feito que nos ten que facer sentir orgullosos do traballo de tantas confrarías, ordes relixiosas e comunidades parroquiais que coidaron e puxeron en valor ao longo tantos anos a expresión da fe nos seus espazos de orixe e vida.
Litúrxicamente, achegámonos a datas intensas e os pasio-sacramentales e procesións destes días ábrennos a un gran encontro co noso patrimonio artístico e relixioso diocesano.
Podemos dicir que a chegada das ordes mendicantes á nosa diocese, de franciscanos e dominicos, sucedeu practicamente en vida dos seus propios fundadores. Debemos a eles unha riquísima expresión catequética que foi a orixe de moitos dos actos nos que imos participar. O nacemento de terceiras ordes levou á incorporación de seglares abrindo a súa espiritualidade á práctica e compromiso de moitas xeracións cristiás. Co tempo, superadas moitas circunstancias e dificultades propias de cada momento histórico, as tradicións e a imaxinería seguiron sendo camiño de comunicación e parte de todo un proceso de evanxelización arrincado en tempo ancestral.
Valorar e estimar ese legado forma parte da nosa actual responsabilidade. Continualo na actualidade require a nosa capacidade especial para saber lelo e adaptalo a unha evangelización cuxo mensaxe segue sendo sempre a salvación en Cristo, que segue facéndose presente cotidianamente no mundo de hoxe.
A mediados do século XX, tanto en Ferrol como en Viveiro (tamén en moitas outras comunidades de Mondoñedo-Ferrol) existiu un enorme esforzo por crear irmandades e confrarías que desen maior realce aos actos das súas semanas maiores. Deuse un novo impulso ás antigas confrarías e creáronse novas, realizando impoñentes imaxinerías que atoparían moitas dificultades nos anos posteriores para atopar portadores. Xa a finais de século XX presenciamos os froitos dun moi bo traballo. Nacen as Xuntas de Confrarías, actualízanse estatutos, comezan momentos de formación confrade, intégrase e restaura patrimonio… A suma dos esforzos e o agarimo no empeño levaría a que se recoñeceron rexional, nacional e internacionalmente.
Temos que valorar moi especialmente o traballo realizado e que se realiza en comunidades como Mondoñedo, Ribadeo, Burela, Ferreira, Neda, Ortigueira… onde pequenas confrarías empéñanse en recuperar, conservar e poñer en valor o seu legado.
Ribadeo
A súa imaxinería procede especialmente do legado franciscano, que con moito acerto foise restaurando parte desa imaxinería herdada e posto en valor recuperando actos como o Desencravo, ou realzando procesións como a do Santo Enterro. Colabora a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo, o Coro Miserere, o Coro Parroquial, a Coral Polifónica e o grupo de Tambores. Organiza a Confraría da Semana Santa xunto á Venerable Orde Terceira.
O pregoeiro deste ano será o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco e terá lugar o sábado 1 de abril ás 20:30 horas.
É moi característica de Ribadeo a chamada “Procesión do Anxo”, dentro do encontro de Resurrección, ás 11:00 horas do Domingo de Pascua.
Descarga: Cartel oficial 2023 (PDF)
Descarga: Procesionario e relación de actos litúrxicos 2023 (PDF)
Mondoñedo
En Mondoñedo contamos con procesións e tradicións anteriores ao século XVI. Unido á antigüidade da imaxinería, algunha dela articulada como a do Encontro do Venres Santo, Mondoñedo conta cun espazo escénico medieval incomparable, xunto a nosa querida catedral da Asunción, onde non pode faltar entoar o “Plorans” (do mestre Pacheco), que só se pode cantar en Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.
O pregón da Semana Santa deste ano correrá a cargo do bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, o sábado 1 de abril ás 20:30 horas na catedral.
Descarga: Cartel oficial 2023 (PDF)
Descarga: Historia, procesionario e relación de actos litúrxicos 2023 (PDF)
Ferreira do Valadouro
En Ferreira de Valadouro a Semana Santa caracterízase polas representacións que realizan os veciños e que unen á comunidade para participar intensamente nos actos da Paixón nestas datas.
Neda
En Neda celebrouse a novena do Cristo das Cadeas e o septenario da Virxe das Dores, e o vindeiro domingo de Ramos cóntase coa colaboración do concello para a organización da procesión de Ramos, que estará acompañada pola Agrupación ACOTAGA de Ferrol. O coro parroquial colabora sempre nas celebracións destes días.
Burela
Quizá a máis nova das semanas maiores da nosa diocese sexa a de Burela. Foi a súa alma mater o falecido sacerdote diocesano Ramón Marful Rodríguez, que fai xa máis de vinte e cinco anos apoiou con todo o seu empeño a quen se uniu para abrir camiño. Conta co respaldo da confraría “Santísimo Cristo e María Santísima das Dores”.
A lectura do pregón tivo lugar o pasado xoves 23 de marzo a cargo de Cándido Otero López, delegado de Liturxia e Confrarías da nosa diocese.
Descarga: Cartel e procesionario 2023 (PDF)
Ortigueira
Ortigueira sitúase xeograficamente entre Viveiro e Ferrol, polo que adoita ser espazo no que escalan algúns dos visitantes a esta zona norte nestes días. Fai quince anos iniciaba os seus pasos a Confraría da Virxe das Dores e do Nazareno para apoiar a tarefa parroquial, na actualidade restauraron todas as imaxes relixiosas que procesionan, recuperando as articuladas. A imaxinería procede do convento dominico e foise recuperando as celebracións e sacramentales para as que foron talladas: desencravo, encontro do Venres Santo…
Tiveron como preámbulo á Semana Santa tres grandes concertos no seu templo parroquial: Agrupación ACOTAGA de Ferrol, David Bellas (e alumnos do Conservatorio de Viveiro interpretando pezas do cancioneiro relixioso de Galicia) e o Coro do Conservatorio de Viveiro.
Viveiro
Oito confrarías, quince procesións, corenta pasos (desde os séculos XV ao XXI), fan da Semana Santa de Viveiro a máis antiga de Galicia, declarada de Interese Turístico Internacional desde o 2013. Un inxente traballo realizado pola Xunta de Confrarías que con creatividade e esforzo souberon coordinar concertos, exposicións, procesos de restauración, posta en valor documental…, un pobo que se envorca totalmente cunha Semana Santa que vive e que considera parte da súa esencia.
O pregón deste ano corre a cargo do profesor Emilio Xosé Insua, e celebrarase no teatro Pastor Díaz o sábado 1 de abril ás 20:30 horas, pechando o acto a Coral Alborada de Viveiro.
Descarga: Cartel oficial 2023 (PDF)
Descarga: Procesionario 2023 (PDF)
Descarga: Libro “Pregón” (PDF)
Descarga: Programación cultural ADRAL 2023 (PDF)
www.semanasantaviveiro.com
Ferrol
Ferrol conta cunha Semana Santa con máis de 400 anos de historia. Para comprendela habemos de entender o seu contexto: os franciscanos da Graña, Santa Catalina, a Orde Terceira, a orde dos servitas, os momentos dun arsenal militar onde se construíron e repararon os barcos da Armada Invencible, o tempo da Ilustración… Son momentos onde os carpinteiros traballaron paralelamente para mascarones de proa de naves, retablos ou imaxinería… A todo iso sumámoslle a condición de intercambio con Cartaxena e os arsenais do sur, que traerán os sones e influencias da Semana Santa de Andalucía. Declarada de Interese Turístico Internacional, segue construíndose con creatividade co esforzo das súas cinco irmandades e os seus respectivos terzos. O 1 de decembro de 2018 abría as súas portas o Museo da Semana Santa de Ferrol, que ten como obxectivo facerse presente máis aló das datas da súa celebración. Nel pódense observar diferentes imaxes e outras pezas que participan nas procesións. Está instalado nos baixos da Costa de Mella.
O pasado sábado 25 de marzo tivo lugar o Pregón no teatro Jofre de Ferrol a cargo do escritor e xornalista Ramón Loureiro Calvo.
Descarga: Revista “Ecce Homo” 2023 (PDF)
Descarga: Procesionario 2023 – Versión web (PDF)
Descarga: Procesionario 2023 – Versión móbil (PDF)
www.semanasantaferrol.com
Axenda do bispo diocesano para a Semana Santa
Domingo de Ramos
Mondoñedo, 11:30 h. – Bendición de Ramos (Igrexa Nova) e procesión ata a catedral. A continuación, eucaristía e procesión.
Martes Santo
Mondoñedo, 11:00 h. – Misa Crismal na catedral.
Mércores Santo
Ferrol, 19:00 h. – Procesión do Cristo dos Navegantes.
Xoves Santo
Ferrol, 18:00 h. – Oficios na concatedral.
Ferrol, 19:30 h. – Procesión da Nosa Señora das Angustias.
Ferrol, 23:00 h. – Procesión da Nosa Señora de Dores.
Venres Santo
Viveiro, 10:00 h. – Procesión e Sermón das Sete Palabras.
Mondoñedo, 17:00 h. – Paixón do Señor: oficios e procesión.
Sábado Santo
Mondoñedo, 23:00 h.- Solemne Vixilia Pascual na catedral.
Domingo de Resurrección
Ferrol, 11:00 h. – Misa de Pascua na concatedral.
Ferrol, 12:30 h. – Felicitación pascual e procesión.
Luns de Pascua
Ferrol, 13:00 h. – Romaría da Nosa Señora do Nordés – Virxe de Chamorro. Eucaristía e procesión.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















