Agradecemos a vida da aldea e buscamos as maneiras de renovala

As parroquias de Seixas, Pino e Vilapene, as tres do concello de Cospeito (Lugo), celebran un ano máis a festa de San Sidro e Santa María da Cabeza, na capeliña do lugar do Monte. Será o vindeiro sábado 18 de maio ás 13:30 horas. E a esa celebración, coordinada desde a delegación da Pastoral Rural, está convidada toda a nosa diocese.

Estas parroquias, pertencen á Terra Cha. Como boa parte das parroquias do rural en toda a diocese de Mondoñedo-Ferrol, e aínda de Galicia enteira, teñen unha longa e fermosa historia: casas e lugares con xente dedicada á actividade agraria e gandeira, da que con esforzo souberon facer vida para soster e promover as familias. O terreo, o clima, o traballo, a convivencia e unión veciñal, as festas, a vida relixiosa foron creando unha cultura rural que en xeral valeu para sacar adiante persoas nobres, e ben dispostas para a vida a todos os xeitos. Por iso nos sentimos moi orgullosos deste mundo da aldea do que formamos parte.

Certo que os tempos foron cambiando. A poboación reduciuse e envelleceu. A actividade agraria está indo a menos. Non sabemos a onde chegaremos neste apagamento. De momento aquí estamos, saboreando a vida das aldeas, gozando das paisaxes, laboreando a terra no que podemos e necesitamos, envellecendo con paz e orgullo, ás veces tamén con preocupación pola idade, a enfermidade, a soidade.

Vemos que os tempos cambiaron e que aínda cambiarán máis. Non sabemos ben en que dirección. Cústamos crer que queden baleiras, orfas unhas terras tan produtivas, pola terra en si, pola auga que as sostén, pola variedade de cultivos que a enriquecen. Estamos convencidos de que, pensando, valorando, actuando como cómpre facelo, estas terras seguirán sendo terras de vida e seguirán sostendo familias, tan ben ou mellor como ata o presente o fixeron.

No medio de todo isto está a nosa fe cristiá. A fe que acompañou o noso pasado, cremos que acompañará tamén o noso futuro, se así o queremos. Tamén no aspecto relixioso hai cousas que necesariamente van cambiando e cambiarán máis aínda, seguro. Pero cremos que o Deus da vida segue aquí, que Xesús de Nazaré segue aquí, que o Espírito segue aquí alentando as nosas vidas para que sigamos enchendo de vida digna, este campo que para dar vida foi creado.

San Sidro ou Cidre, foi un labrego mozárabe cristián nacido no Mayrit (Madrid) musulmán no 1079; casado coa santa María da Cabeza coa que tivo un fillo. Foi labrego e experto poceiro, que soubo xuntar o seu traballo agrario cunha fe sinxela e fonda, cunha práctica relixiosa limpa e convencida. Por iso é o patrón da xente do campo. O seu recordo pódenos axudar a ter unha práctica relixiosa limpa e convencida, que nos sosteña neste noso empeño por encher de vida a terra que tanta vida nos ten dado. Oxalá sexa así para todas as persoas que hoxe o celebramos con esta romaría na capeliña de San Sidro ou Cidre do Monte.


Materiais para descargar

Cartel Festa Diocesana San Cidre 2024
Documento: Celebración eucarística do San Cidre 2024
Documento: Un rural con comunidade e coa vida no centro
Escrito do bispo diocesano co gallo do Día da Aldea 2024

Fotografía de portada: La Voz de Galicia

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas