O papa Francisco convídanos en moitas ocasións para vivir unha “cultura do encontro”. É a consecuencia lóxica da nosa fe no encontro transformador e provocador que supón o encontro de Deus co home en Xesús de Nazaret. Nunha sociedade fortemente desvinculada, onde a polarización se fai patente, onde o individualismo nos empobrece na nosa propia identidade, onde nos relacionamos pero non nos vinculamos, onde facemos muros e poucas pontes, a “cultura do encontro” é a proposta que nos axuda a crecer en fraternidade, en amizade social, en civilización, en humanización.
Un medio para esta “cultura do encontro” é a celebración da Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores. Foi instituida polo Papa, ao redor da festa de San Xaquín e Santa Ana, avós de Xesús, como consecuencia da pandemia: un momento recente da nosa historia, sobre o que constantemente temos que volver, e no que abandonamos á súa sorte a moitos anciáns e maiores polo feito de selo. Non podemos esquecer que moitos morreron por falta de respiradores, a maioría morreu soa sen un acompañamento da familia, moitos quedaron marcados pola soidade… Era un signo máis desta sociedade economicista que conleva o descarte e onde abeiramos e apartamos aos que non valen, aos que molestan, aos que custan, aos que non producen.
Nesta Xornada propónsenos saír ao encontro dos nosos maiores, abrazar aos nosos maiores, posibilitar o diálogo cos máis anciáns, deixarse tocar e afectar por aqueles que os anos debilitaron na súa saúde física, percibirlles como un precioso tesouro na súa fraxilidade. Esta é a invitación que recibimos cada un de nós e que eu tamén fago miña, facendo cada un exame de conciencia e proposta concreta de acción.
O que se busca é favorecer unha sociedade do encontro onde o encontro interxeracional se faga posible, onde os mozos e os maiores se enriquezan mutuamente no inmenso caudal e potencial que gardan. Como nos convida o Papa na súa mensaxe con este motivo, “Deus desexa que, como fixo María con Isabel, os mozos alegren o corazón dos anciáns, e que adquiran sabedoría das súas vidas. Pero, sobre todo, o Señor desexa que non deixemos sós aos anciáns, que non os releguemos ás marxes da vida, como por desgraza sucede con frecuencia”.
O camiño non empeza de cero. Non se se estaredes comigo en afirmar que unha das notas características da nosa sociedade galega (polo menos a min chamoume a atención) é o coidado que prestades, en xeral, aos nosos maiores. Así o demostra a convivencia que existe en tantos fogares, especialmente do medio rural, de varias xeracións, a atención que poñedes cara aos que nos precederon, a renuncia que facedes, especialmente e unha vez máis as mulleres, por coidar dos vosos maiores… Sen dúbida é unha fermosa nota cultural que debemos agradecer e que non debemos deixarnos arrebatar.
Estou seguro que todos sairiamos gañando se este encontro interxeracional se profundase. Porque nel entrecrúzanse e comunícanse o pasado, o presente e o futuro dun pobo. É o que nos permite saír do meu “eu” e do que vivimos para entrar nese “nós” que nos fai máis grandes. O pasado que nos di de onde vimos, o que fomos, o que outros construíron como legado. O presente fálanos da inmediatez, do que existe, do que temos. O futuro preséntanos o horizonte, a esperanza do que podemos ser. Cada xeración que convive nunha mesma sociedade representa ese pasado, presente e futuro que a todos, a nivel persoal e global, enriquece e engrandece.
A Igrexa sempre destacou polas iniciativas asistenciais promovidas para o coidado dos maiores. Penso nas Hermanitas de los Ancianos Desamparados, tan presentes na nosa diocese, e noutras iniciativas semellantes. Grazas! Oxalá que esta Xornada sexa unha invitación para favorecer a necesaria cultura do encontro e o coidado dos avós e maiores.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Fotografía de portada: I. Quesada








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















