Continuando co proceso de conservación, modernización e posta en valor do patrimonio documental da diocese, iniciado hai case tres anos coa integración da biblioteca Estudios Mindonienses de Ferrol na Rede de Bibliotecas de Galicia, a creación da Cátedra Diocese-Universidade da Coruña e a habilitación de espazos para depósito e salas de consulta, as bibliotecas de Estudios Mindonienses (Ferrol) e do seminario Santa Catalina (Mondoñedo) comezaron estes días a catalogación do seu fondo moderno, integrado por preto de 70.000 monografías e 35.000 revistas.
O catálogo está dispoñible en liña de forma permanente a través da web https://estudiosmindonienses.biblio.gal, integrado no sistema de bibliotecas de Galicia, na sección de bibliotecas especializadas.
Está previsto que o traballo técnico da catalogación se estenda durante varios anos debido ao elevado número de volumes conservados nas dúas bibliotecas. Para avanzar no proceso a diocese contará neste curso coa axuda do alumnado do Grao de Xestión Dixital da Información e a Documentación da Universidade da Coruña, a través de prácticas externas, ao amparo do convenio de cooperación educativa suscrito entre a diocese e a UDC. Tamén está previsto que, neste caso a través da Cátedra Diocese-UDC, podan convocarse en 2024 varias bolsas remuneradas de colaboración, que sen dúbida darán pulo a este proxecto documental.
Doazóns de bibliotecas particulares e proxecto de futuro
De cara ao futuro, aínda que é un proxecto nacente, a diocese xa está a utilizar a antiga igrexa de Esteiro, na rúa Carlos III de Ferrol, como depósito de libros, instalación na que vai ubicando as bibliotecas persoais doadas por sacerdotes e particulares, aquelas especialmente significativas polo seu valor cultural e bibliográfico ou pola súa especialización técnica. Recentemente a diocese recibiu parte da biblioteca da escritora pontevedresa Encarna Vidal e a do aparellador ferrolán Fernando Bores, e nos vindeiros meses está prevista a recepción da do teólogo Segundo Leonardo Pérez, composta por máis de 45.000 volumes.
A diocese, a través dun dos seus bibliotecarios, Carlos Alonso, quixo agradecer a “confianza depositada na nosa institución por parte destes doantes”, asegurando que “estamos a traballar arreo por garantir a perfecta conservación e a futura difusión das bibliotecas recibidas”. Tamén animou, especialmente aos sacerdotes, a que “conten coa diocese se están a valorar desfacerse das súas coleccións persoais”, a pesar de que “desgraciadamente non podemos aceptar todo o que nos ofrecen, porque nas bibliotecas temos sempre o problema do espazo ou o da duplicación de documentos”.

Como indicaba recentemente o director do anuario Estudios Mindonienses e membro do comité da Cátedra Diocese-UDC, Benito Méndez, a intención da diocese é crear na cidade de Ferrol unha gran biblioteca diocesana especializada. Para elo xa se iniciaron contactos coa delegación diocesana de Patrimonio, de cara a preparar un proxecto sólido que permita levar adiante esta ambiciosa iniciativa cultural.
Actuacións nas bibliotecas do seminario e do museo da catedral
No referido ás bibliotecas de Mondoñedo, durante os últimos meses acondicionáronse as salas de depósito do seminario, nas que aínda continúa o proceso de ordenación e clasificación. As salas de investigadores estarán destinadas a acoller os fondos “Diocese”, “Igrexa en Galicia” e “Galicia”, mentres que a antiga sala de lectura habilitouse para acoller as obras de referencia e as de temática non relixiosa. Neste proceso, ademáis do técnico da diocese, contouse coa colaboración do sacerdote diocesano José Vega.

En canto á biblioteca do museo da catedral, procedeuse ao traslado dos seus fondos ao seminario, xa que a sala principal e o seu mobiliario estaban afectados por problemas de humidade e insectos. A diocese ten previsto o reacondicionamento integral deste espazo para dedicalo a outros usos.
Cabe lembrar que o fondo histórico da biblioteca patrimonial do seminario é accesible desde hai anos a través da web da Biblioteca Dixital de Galicia-GALICIANA.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















