Cada 11 de febreiro (festividade da Nosa Señora de Lourdes) a Igrexa universal celebra a Xornada Mundial do Enfermo, unha oportunidade privilexiada para lembrar e reforzar a predilección de Xesús polos máis febles e vulnerables, aqueles que ven mermada a súa saúde e os seus azos por mor da enfermidade en calquera das súas manifestacións.
Tendo como referencia esta data tan sinalada, desde a Hospitalidade de Lourdes emprenderon fai anos a iniciativa de significar o día 11 de cada mes como tempo para lembrar ós enfermos cunha oración especial en Santa Icía de Trasancos (Ferrol-Narón), sé oficial da Hospitalidade de Lourdes na nosa diocese.
Nesta mesma liña de visibilizar e acompañar ós doentes e feridos polo sufrimento, desde a delegación diocesana de Pastoral da Saúde e Maiores recollerá e ampliará este xesto en favor dos nosos enfermos, das súas familias e coidadores.
“É a nosa vontade tamén”, comenta o delegado diocesano, José Luis Fernández, “vincular esta celebración coa piedade popular en tantos lugares do noso territorio diocesano aos que a tradición atribúe especial significado no eido da sanación (tantas ermidas e santuarios adicados ao Noso Señor, á Virxe e aos santos, espallados polas nosa terra) alí onde acoden con devoción, movidos pola fe e a esperanza no Deus da Vida, enfermos e familiares necesitados de axuda e de consolo.
“Consideramos parte fundamental da nosa misión, como delegación da Pastoral da Saúde e Maiores, amosar a tenrura e a cercanía de Deus e da súa Igrexa a cantos sofren, dándolles o debido protagonismo no sentido da presenza, a pertenza e a participación na vida do pobo de Deus, do que constitúen unha parte imprescindible”, subraia Fernández.
Con este motivo, desde esta delegación animan a todos os sacerdotes a incluir nas eucaristías do día 11 de cada mes as intencións dos enfermos das súas respectivas comunidades, ao tempo que convidan aos doentes e maiores a participar activamente nestas celebracións “en comunidade”. Asimesmo, pídenlles aos relixiosos, consagrados e laicos, como intención na súa oración particular de cada día 11, unha pregaria polos enfermos e maiores membros das súas familias e comunidades.
“Agardamos que esta proposta sexa acollida con entusiasmo e xenerosidade”, remata o delegado, “para que en breve se convirta en fermosa realidade en todo o territorio da nosa Igrexa particular de Mondoñedo-Ferrol”.








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















