Despedida das Oblatas tras 115 anos de presenza en Ferrol

O próximo 29 de abril a diocese renderá unha cariñosa homenaxe á comunidade das Oblatas del Santísimo Redentor, que, tras 115 anos de presenza ininterrompida en Ferrol, anunciaron a súa despedida da cidade.

Chegaron ao peirao de Curuxeiras de Ferrol desde o porto da Coruña ás cinco da tarde dun 21 de abril de 1907, no vapor “O Mosquito”. Unha xunta local de Trata de Brancas, que tiña como vicepresidentas a dona Clotilde Iglesias Losada e a dona Antonia Martínez Obregón, esperábanas alí e solicitaran a súa presenza en Ferrol, concienciadas da necesidade desta congregación. Nace así, naquel momento, un moi necesario centro de acollida e acompañamento para a atención de mulleres en situación de prostitución.

As Oblatas dirixen, desde a súa creación en 1989, o centro de día “O Mencer”, en Ferrol, cun equipo de profesionais contratados e voluntarios. Ofrecen apoio ás mulleres que exercen a prostitución e a vítimas de trata a través de programas de recuperación e de integración sociolaboral. En 2022 atenderon a 298 persoas, 64 delas vítimas de trata.


Actos en Ferrol: sábado 29 de abril

Está previsto que ás 12:00 horas se proxecte a película “Si todas las puertas se cierran (Cines Dúplex Ferrol), que narra as orixes da congregación a través da historia de tres mulleres. A recadación da entrada irá destinada a proxectos das Oblatas. É un filme español recente, con duración de dúas horas, presentado este ano e dirixido por Antonio Cuadri.

Ás 16:00 horas, no patio da parroquia do Socorro, inaugurarase a exposición “Antonia María de Oviedo e Scchönthal: unha historia de opción e cambio”, como achegamento á vida da fundadora.

Ás 17:30 horas terá lugar na igrexa da nosa Señora do Socorro a eucaristía de acción de grazas e despedida da comunidade Oblata, presidida polo bispo diocesano, e acompañada por unha representación do goberno provincial da Provincia de Europa de Oblatas.

Despedida Oblatas Ferrol (2023)


Monseñor Fernando García: “Imos vivir un día alegre pero á vez triste pola despedida das Oblatas”

En declaracións á Cadena COPE, o bispo diocesano indicou que “vai ser un día alegre e un día triste, no que celebramos o 115º aniversario da presenza das Oblatas en Ferrol, pero tamén a súa despedida da cidade. “En certa maneira”, subliñou, “perdemos un carisma que estivo tan presente na cidade, moi preto á realidade da prostitución e a realidade das mulleres en situación de trata”. Por último, realizou unha invitación á cidadanía para participar nos actos de homenaxe, xa que “vai ser unha xornada para agradecer todo o que estas mulleres fixeron polo ben das persoas e da cidade”.


As Oblatas do Santísimo Redentor, Boa Noticia do Reino

As Hermanas Oblatas del Santísimo Redentor atenden ao carisma de ser Boa Noticia do Reino para as mulleres que exercen prostitución e/o son vítimas de trata para a explotación sexual. Por este motivo viven un compromiso en favor da igualdade, a xustiza, a liberación e a vida. Están presentes en 15 países (España, Italia, Portugal, Colombia, Estados Unidos, Filipinas, Guatemala, México, Porto Rico, República Dominicana, Venezuela, Angola, Arxentina, Brasil e Uruguai).

Nacen en España, onde en 1964 os seus fundadores abriron en Ciempozuelos (Madrid) a primeira casa de acollida. Na actualidade en España forman 21 comunidades e afrontan 13 proxectos sociais. Atópanse en Alacante, Almería, Barcelona, Benicasim, Bilbao, Cádiz, Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Murcia, Palma, Pamplona, San Sebastián, Santiago de Compostela, Segovia, Sevilla, Tenerife, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. España forma parte da Provincia Europa e é en España onde está a sede da Provincia e a Casa Xeral.

Fundadores

José María Benito Serra (Mataró 1810-Benicasim 1886). Monxe beneditino, misioneiro, bispo en Australia. De profunda sensibilidade social, marcado pola súa experiencia no Hospital de San Juan de Deus, decide responder o drama do mundo da prostitución, abrindo en Ciempozuelos xunto a nai Antonia en 1868 a primeira casa de acollida.

Antonia María de Oviedo e Schönthal (Laussana-Suíza 1822- +Ciempozuelos 1898). Chega a Madrid en 1863, remisa e medorenta ao principio a traballar neste compromiso, descobre esa chamada no encontro e a madurez coa realidade que se atopa. En 1870 toma o hábito da nova congregación como Antonia María da Misericordia e durante 34 anos acompaña e traballa incesantemente nunha evangelización liberadora envorcada nas Oblatas do Santísimo Redentor.

Fundación Serra-Schönthal: ideario e obxectivos

A congregación nacional creou a Fundación Serra-Schönthal a mediados do 2013, co seguinte ideario e obxectivos:

· Atender de forma integral a nenas, adolescentes e mulleres, en contexto de prostitución.

· Promover o desenvolvemento comunitario orientado á inserción laboral e social destas mulleres.

· Favorecer o seu empoderamento e a capacidade de defender os seus dereitos persoais e sociais.

· Sensibilizar, formar e incidir sobre o fenómeno da prostitución e trata con fins de explotación sexual.

· Captar financiamento para atender as necesidades deste tipo de proxectos.

Obxectivos:

· Sensibilizar, formar e incidir sobre o fenómeno da prostitución e trata con fins de explotación sexual.

· Apoiar proxectos para atender de forma integral a nenas, adolescentes e mulleres en contextos de prostitución.

· Denuncia de situacións de inxustiza e violación dos dereitos das mulleres.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas