O pasado 17 de maio, aproveitando a xornada festiva en Galicia, celebrouse na Casa das Fillas do Divino Celo–Rogacionistas en Burela un encontro de Pascua para as comunidades de vida consagrada da nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Afortunadamente, e aínda que as ocupacións e compromisos destes relixiosos e relixiosas son moitos, reuníronse en Burela dez comunidades chegadas de diferentes puntos das provincias de Lugo e A Coruña, que conforman o territorio diocesano. Deste xeito, estiveron representadas nesta xornada de convivencia as seguintes comunidades: as Franciscanas da Purísima Concepción (Foz); as Irmás Apostólicas de Cristo Crucificado (tanto a comunidade do Barqueiro como tamén a de Guitiriz); os Irmáns das Escolas Cristiás–La Salle (Ferrol); as Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl (as do Centro “San Pablo e San Lázaro” de Mondoñedo, así como as do Colexio do Sagrado Corazón de Ribadeo); as Fillas da Virxe das Dores (Ferreira do Valadouro); as Nais Mercedarias (Ferrol); os Misioneiros Claretianos (Ferrol); e, naturalmente, as anfitrioas no día de hoxe, as Fillas do Divino Celo–Rogacionistas.
Tras a acollida no Centro de Día de Menores “San Aníbal”, tivo lugar a celebración eucarística, que presidiron os claretianos P. Alberto (presidente de CONFER diocesana) e P. Ángel, e na que levou a cabo unha fermosa homilía compartida entre os participantes. Foi, desde logo, un momento moi especial e de gran unión entre todos eles.
Acto seguido, e nas propias instalacións da Casa, gozouse fraternalmente do momento da comida, que sempre dá ocasión para poñerse ao día entre as diferentes congregacións e compartir os avatares do seu quefacer, como tamén as alegrías da súa vida en comunidade.
Xa pola tarde, os relixiosos desprazáronse ata o próximo municipio de Cervo, onde visitaron o declarado (1972) conxunto histórico-artístico de Sargadelos. O antigo complexo industrial de Sargadelos é hoxe unha gran zona verde dominada por un bosque e atravesada polos ríos Xunco e Rúa. Nela quedan as ruínas do que foi a antiga fundición e das vivendas dos operarios; os restos dos catro fornos de calcinación; unha presa sobre o río Xunco, á que se chega polo Paseo dos Namorados (unha pequena camiñada que realizaron os asistentes); a Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, e o Pazo de Ibáñez, construido en 1804 como residencia do marqués.
O percorrido cultural non terminou aí, xa que a continuación a comitiva trasladouse á basílica de San Martiño de Mondoñedo (no municipio de Foz). O templo está considerado como a catedral máis antiga de España, coa súa posible orixe prerrománico e foi catalogado, xa no ano 1931, como Ben de Interese Cultural. San Martiño foi sede episcopal ata que cedeu dita categoría á cidade de Mondoñedo. No ano 2007 concédeselle a San Martiño a categoría de basílica.
E así rematou esta proveitosa xornada de convivencia entre os relixiosos da nosa diocese que, desde San Martiño, puxeron rumbo xa ás súas localidades de orixe, á espera dunha nova ocasión para reunirse.
Fonte: Fillas do Divino Celo-Rogacionistas








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















