Homilía na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

PDF – OFRENDA AO SANTÍSIMO: Alcalde de Mondoñedo

Excelentísimo Sr. Oferente, alcalde da miña querida cidade de Mondoñedo;
queridos irmáns no episcopado;
ilustrísimo Cabido da Catedral;
excelentísimas e ilustrísimas autoridades;
queridos irmáns e irmás no Señor:

Seguindo unha tradición multisecular, digna de ser declarada Ben de Interese Cultural, acudimos á Cidade do Sacramento, cidade que nos acolle na súa bela catedral e a través da comunidade cristiá que lle dá vida cada día. Esta catedral, como todas, é a sé do bispo, pero tamén o fogar e o signo dunha comunidade cristiá que pretende iluminar e encarnar o mesmo e único evanxeo nos tempos distintos que nos toca vivir.

Acudimos a este templo sentíndonos peregrinos que vimos de diferentes lugares e que necesitamos alimentarnos no noso camiñar pola vida. A certeza do noso peregrinar é e convértese nunha forma de vida, nunha espiritualidade, nunha maneira de relacionarnos entre nós e o creado. O peregrino séntese débil e necesitado, fortalecido pola axuda dos demais e urxido a alimentarse para non desfalecer e para atopar sentido nos seus pasos. Nesta eucaristía hoxe ofrécesenos o alimento e o silencio contemplativo como luz no noso camiño.

Ademais, facémolo sentíndonos pobo, comunidade cunha historia e identidade común, que nos vincula e nos une. É fermoso descubrirse como pobo que ten a súa unidade en elementos materiais, pero tamén noutros elementos inmateriais aos que o Señor Oferente facía mención. Elementos intanxibles pero fundamentais para a convivencia que habemos saber transmitir. A estes elementos corresponde esta festa que nos vincula ás sete cidades do Antigo Reino de Galicia e ás cinco dioceses galegas. Precisamente, a eucaristía convértese así no que é: sacramento de unidade. Na diversidade e pluralidade das nosas cidades, na riqueza do que somos e como nos expresamos, atopamos a unidade de sentirnos irmáns ao redor da mesa eucarística á que o Señor nos convoca. Na nosa bandeira e no escudo dalgunhas das nosas cidades, entre elas a de Mondoñedo, a beleza eucarística exprésase como presenza do que a herdanza cristiá deixou na súa cultura, nos seus valores e na súa esencia. Pero non só é un recordo e legado, é tamén compromiso de unidade e de proxección fermosa no futuro como sociedade.

Paréceme que estes tres elementos, a cidade do sacramento, o sentirnos peregrinos e o facelo como pobo, unifícanse nesta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. E fano cunha preciosa harmonía.

Ademais, gustaríame dar un paso máis. Acudir aquí para referendar o noso compromiso de que se manteña perpetuamente viva neste altar a luz da candea, descóbrenos necesitados de luz e agradecidos ao que é a Luz do mundo.

Certamente, a eucaristía foi, é e será espazo e momento de luz para todos os crentes. Cantos grandes santos e cantos “santos dos da porta do lado” atoparon na eucaristía a luz que necesitaban! Cantos cristiáns desta cidade, como noutros lugares semellantes en cada unha das nosas dioceses, atoparon aos pés da eucaristía a resposta, a esperanza e o alento aos seus interrogantes e cansazos! Que necesitados estamos de descubrir e acudir a esta luz que, desde aquí, recibimos como regalo e que afasta medos, tormentas, inquietudes, dúbidas!

Non estraña, por tanto, que a nosa ofrenda hoxe sexa recordatorio do que a eucaristía é, pero tamén agradecemento polo que nela recibimos e se nos regala. Así sentiron os nosos maiores cando se comprometeron a acudir ata aquí solemnemente e en representación de todo o pobo. Seguindo esta tradición e facéndoa nosa percibimos a urxencia de que na nosa sociedade non andemos ás escuras, nin nos falten os referentes que nos axudaron como sociedade e como pobo: cando aparecen escenarios de futuro que nos estremecen, cando os problemas que temos que afrontar nos superan, non esquezamos a luz que ao longo dos séculos foinos iluminando e acompañando como Igrexa, como pobo e como sociedade. Nela podemos seguir descifrando e escribindo a nosa historia.

Ao papa Xoán Paulo II gustáballe indicar que a eucaristía se convertía sempre en “escola de paz, escola de amor, escola de discipulado”. Paréceme unha imaxe preciosa para recoñecer a grandeza, a beleza e o significado da eucaristía. Voltemos á nosa infancia, cando eramos nenos e acudiamos á escola do noso barrio, da nosa aldea. A escola era un lugar significativo, importante, apreciado, que nos facía crecer, que nos axudaba a ser, que nos abría horizontes de pensamento e coñecemento, de humanidade e de sabedoría. Era o lugar onde aprendiamos, desde a nosa debilidade, ou onde nos deixabamos modelar desde as nosas capacidades. Era o espazo onde se nos convidaba a ensaiar e tentar iso que o Señor Oferente nos indicaba: combinar a permanencia e o cambio, o que vale a pena gardar e os camiños novos que temos que ensaiar.

Que fermoso sería se os crentes sentísemos esta experiencia na eucaristía que celebramos e que adoramos! Que grandes seriamos se experimentásemos a eucaristía como esa escola permanente á que acudimos cada día para deixarnos ensinar, para poder discernir os tempos novos aos que nos enfrontamos, para cambiar a nosa mirada e transformala pola mirada de Xesús cara ás persoas, cara aos problemas, cara ás cousas! No fondo, que sabios seriamos se recoñecésemos como certas as palabras de santo Agostiño que, ao comulgar, lembrábanos: “Non me transformarás en ti como asimilas os alimentos da carne, senón que ti transformaraste en min”.

Transformarnos en Cristo, cristificarnos, é o que produce en nós a eucaristía. Algo que hoxe proclamamos especialmente, neste día en que votamos un novo parlamento para Europa. Unha Europa que busca ás apalpadelas o que quere ser, que ten medo a abrirse e perder o seu benestar, que ten dificultades para sentirse unha unidade de proxecto común, que parece virar só ao redor da economía en lugar da sacralidade das persoas. “Cara a onde camiñas Europa?”, preguntábase o papa Francisco na pasada Xornada Mundial da Xuventude de Lisboa na que algúns puidemos participar. Unha pregunta á que hoxe, como cidadanía, esperamos dar unha resposta. E farémolo adecuadamente se apostamos por construíla desde os valores que os pais fundadores da Unión Europea configuraron este soño europeo: paz, liberdade, solidariedade, unidade, dignidade… Ou como a Igrexa nos lembra desde catro verbos que son un proxecto político en todos os escenarios: acoller, protexer, promover e integrar ás persoas.

A eucaristía espértanos sempre a un horizonte universal, de fraternidade e de respecto á dignidade da persoa. Como dicía o Papa hai poucos días: “A eucaristía impúlsanos a un amor fortemente comprometido co próximo, porque non podemos comprender e vivir o seu significado verdadeiramente se temos pechado o corazón aos irmáns e ás irmás, especialmente aos que son pobres, sofren ou están perdidos na vida”. E é que, como nos lembra a Palabra de Deus proclamada este domingo, cada vez que celebramos a eucaristía actualízase o misterio da entrega de Deus por nós na cruz, o signo do amor que El che ten, que El che ofrece. Contemplar, participar, adorar á eucaristía, como ao sol do verán que tingue a nosa pel, transfórmanos tamén en persoas e sociedades que loitan, se entregan, inclúen, dánse, constrúen proxectos de fraternidade e de futuro para todos. É o meu desexo para Mondoñedo, para Galicia e para Europa. Que o Señor Eucaristía nos bendiga, garde e transforme. Amén.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Catedral de Lugo, domingo 9 de xuño de 2024

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas