IRPF: Unha oportunidade para axudar

Desde hai algunhas semanas atopámonos en plena campaña da renda. Un momento no que todos os cidadáns saldamos contas con Facenda no pago dos necesarios impostos. A vida en comunidade conleva o sostemento entre todos dos servizos compartidos. O noso estado de benestar do que gozamos necesita financiamento se quere ser eficaz e garante de dereitos. Ademais, os impostos contribúen a vertebrar mellor a nosa sociedade, pois permiten e facilitan o equilibrio nas actividades económicas dos diferentes sectores e, especialmente, axudan na urxente redistribución da renda. Por iso, o debate sobre a fiscalidade, tan presente sempre, pero especialmente en momentos de campaña electoral, é no fondo un debate profundo sobre o concepto de equidade e de modelo de sociedade.

A moral cristiá ensina a obrigación moral ao pago dos impostos. E faino en base ao principio do ben común e do destino universal dos bens que desenvolve a súa doutrina social. En efecto, todos temos que participar no que é de todos desde a certeza de que a propiedade, tamén as rendas, ten sempre unha finalidade social que se proxecta máis aló do beneficio e goce particular.

Ademais, nos criterios de moralidade, expón a urxencia de avanzar nunha fiscalidade xusta, solidaria e progresiva. Será xusta na medida en que, entre outras cousas, loite por garantir os dereitos, non malgaste recursos nin recorra á presión fiscal como medio sinxelo á ausencia dunha xusta administración. Será solidaria en canto todos contribúan, aínda que de maneira diferente. Así o ensinaba xa Xoán XXIII cando afirmaba: “A esixencia fundamental de todo sistema tributario xusto e equitativo é que as cargas se adapten á capacidade económica dos cidadáns” (MM 132).

Esta é basicamente a filosofía que está detrás do imposto sobre a renda ao que estes días nos enfrontamos. Pero, ademais, con este exercicio convídasenos tamén a elixir o destino do 0,7 % dos nosos impostos. Facémolo nos recadros 105 e 106, onde se nos pregunta se queremos destinar esa parte dos nosos impostos á Igrexa católica e a outras entidades de fins sociais.

Seguro que en moitas ocasións comentamos a posibilidade de que se nos pregunte sobre o destino dos nosos impostos. Ata o propio Bieito XVI animou a desenvolver o principio de subsidiaridade no pago dos mesmos. Desta maneira, “permitiríase aos cidadáns decidir sobre o destino das porcentaxes dos impostos que pagan ao Estado” (CV 60). Así se crecería en participación e integración social, fomentando o sentido de pertenza e implicación cidadá.

Isto é o que se nos posibilita a través desta elección. Ademais, marcar o recadro a favor da Igrexa católica e a de fins sociais é unha maneira de identificarse co quefacer da Igrexa, de apoiar a súa obra social, educativa e cultural que permite unha sociedade máis fraterna e máis humana. Marcando o recadro da Igrexa católica e a de fins sociais non pagas máis, nin se che devolve menos, pero axudas o dobre a quen máis o necesita. Nestes momentos de dificultade é especialmente importante estar preto das persoas que máis o necesitan, como sempre está a Igrexa. Con este xesto tan sinxelo facilitas o financiamento de parte da tarefa da Igrexa, así como de moitos proxectos e programas sociais, educativos e culturais que realiza e que contribúen ao desenvolvemento das persoas.

Anímote a que fagas ese exercicio de liberdade tan sinxelo. Convídote a que o difundas entre os teus amigos e coñecidos. Convido ás entidades que tramitan a declaración a que informen adecuadamente respecto diso. Sen dúbida habemos de superar moitos prexuízos e malas informacións respecto diso. Confésovos que me chama moito a atención que a nosa comunidade autónoma de Galicia, tan unida ao relixioso, sexa a penúltima na clasificación nacional que menos pon a cruceciña a favor da Igrexa. Non sei se sabes que, se a media nacional sitúase no 31,29 % das declaracións, en Galicia a porcentaxe só chega ao 23,9 % de declarantes. Ademais, un 36 % non marca ningunha elección. Estou seguro que poderemos superar esta tendencia. Sen dúbida.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas