A comisión diocesana PROTEGE participa no IV Encontro de Oficinas de Protección de Menores

A directora da comisión diocesana PROTEGE, Concha Quintela, e o reitor do Seminario diocesano, Juan Basoa, participaron o pasado venres en Madrid no IV Encontro de Oficinas de Protección de menores baixo o título «Encontros entre vítimas e victimarios: unha relación posible?». Ambos manifestaron a súa alegría por participar nun encontro que lles axudou a formarse e ir abrindo camiños na prevención e sanación.

A xornada iniciouse cos saúdos por parte do secretario xeral da Conferencia Episcopal Española e do responsable de coordinación das oficinas. A continuación, Montserrat Lafuente, doutora en Psiquiatría e membro do servizo de coordinación e asesoramento de protección de menores, ofreceu o relatorio titulado «O abusador: perfís e identidades». Desta maneira buscábase axudar ás persoas que se dedican á formación nos seminarios e nas congregacións relixiosas a detectar e previr condutas de persoas que poidan, co tempo, mostrar tendencias ao abuso en calquera das súas formas.

Na mesa redonda co título «Por que se producen fallas na formación de sacerdotes e persoas consagradas?» tratouse a importancia da formación tamén humana e espiritual nos centros formativos da Igrexa. Participaron María Teresa Simón Lancis, psicóloga clínica e perito do Tribunal da Rota da Nunciatura Apostólica en España; María Jesús Moura Ruiz, formadora das relixiosas Concepcionistas Misioneeas de la Enseñanza; Fernando González, formador dos Hermanos La Salle; e Antonio López Solano, formador do Seminario Conciliar de Madrid.

Pola tarde presentáronse tres experiencias con vítimas. Baixo o título “A dor sandada”, interviñeron unha vítima abusada, quen contou o percorrido vivido no seu proceso de sanación. María Teresa Compte, da Asociación de Acollida a Vítimas «Betania», disertou sobre “A dor esquecida. O clamor das vítimas” e finalmente, “A dor restaurada” mostrou a experiencia de encontros de restauración entre vítimas e victimarios. Nesta sesión interveu Fernando García, da Inspectoría Salesiana, e Julián Ríos, da Universidade Pontificia de Comillas, experto en xustiza restaurativa.

Proximamente desde a comisión PROTEXE da nosa diocese distribuirase unha Guía de Boas Prácticas, que está agora en proceso de edición. Con ela preténdese difundir o protocolo aprobado no seu momento para a diocese e dar pistas para a actuación e prevención de abusos.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas