O ano 2025 é un Ano Santo Xubilar. Cunha cadencia de vinte e cinco anos, a Igrexa celebra esta tradición que ten as súas orixes na propia lei mosaica: na sacra escritura convidábase a que cada cincuenta anos se celebrase un ano especial no que a terra, da que Deus era o único propietario e que a repartía xustamente entre o seu pobo, volvese ao antigo dono, se perdoasen as débedas e os escravos recuperasen a liberdade. Era un desexo feito institución de manter no pobo de Israel unha comunidade fraterna, onde todos tivesen o necesario para vivir e se recuperase a harmonía primitiva da creación.
Con ese mesmo espírito de reconciliación e liberación vivimos este novo Ano Xubilar. Trátase tamén de vivir un ano especial, un tempo de graza que o Señor nos regala para restablecer a nosa relación con Deus, cos irmáns e coa casa común que habitamos. É unha nova ocasión para gozar da misericordia de Deus que quere facer novas todas as cousas, que quere renovarnos en profundidade. Ese é tamén o sentido das indulxencias. Co Ano Xubilar quérese recuperar o gozo de vivir a fe, a experiencia dun Deus que nos libera e sanda profundamente.
O lema escollido para este ano é ben elocuente: “A esperanza non defrauda” (Rom 5,5). Como sinala o papa Francisco na bula de convocatoria, os nosos tempos están especialmente marcados pola desesperanza. A nivel mundial existen moitos factores que nos enchen de temor ante o futuro: as guerras e as violencias tan presentes, o clima de crispación que nos envolve, a situación dos emigrantes, o cambio climático, a fractura social e a desigualdade crecente…
Tamén a nivel eclesial vivimos tempos difíciles: fáisenos complexa a transmisión da fe, o relixioso desvirtúase, o envellecemento das nosas comunidades é elocuente, a ausencia de vocacións sacerdotais e relixiosas dóenos, a comuñón interna desvanécese…
A todo iso hai que unir o que cada un vive a nivel persoal: moitos están marcados pola dor e o sufrimento, polas dificultades de todo tipo, pola fraxilidade das relacións e a soidade, polo esforzo e o sacrificio, pola escuridade e o medo ante o mañá…
Precisamente neste contexto ecoa con moita forza e urxencia a esperanza que nace de Xesús. É a esperanza que foi acollida na súa vida terrea. É a esperanza que alimentou o camiñar de tantos crentes durante séculos. É a esperanza que hoxe tamén nos permite vivir e afrontar con confianza o noso futuro. É a esperanza que non elimina os problemas pero é máis forte e grande que estes. Esta é a esperanza que ofrecemos ao noso mundo e aos nosos irmáns. Xesús é a esperanza que necesitamos, tan afastada dun infantil e oco optimismo. É unha esperanza que se fundamenta na fe e que se nutre e expresa na caridade. Unha esperanza que nace da experiencia gozosa do encontro con Cristo Resucitado que nos abre a unha vida nova, a vida eterna. Aquí reside a razón para a esperanza.
Moi belamente o di o papa Francisco na bula de convocatoria: “Nós, en cambio, en virtude da esperanza na que fomos salvados, mirando á vez que pasa, temos a certeza de que a historia da humanidade e a de cada un de nós non se dirixen cara a un punto cego ou un abismo escuro, senón que se orientan ao encontro co Señor da gloria. Vivamos por tanto na espera da súa vinda e na esperanza de vivir para sempre nel. É con este espírito que facemos nosa a ardente invocación dos primeiros cristiáns, coa que termina a Sacra Escritura: «Ven, Señor Xesús!».
Convídovos a unirnos xuntos á inauguración do Xubileu que teremos en Ferrol o vindeiro domingo 29. Comezaremos ás 12:30 horas na igrexa do Carmen e peregrinaremos ata a concatedral para celebrar alí a eucaristía. Convídovos a que, durante o ano, peregrinedes tamén persoalmente, en familia, en comunidade… cara a algunha das nosas catro igrexas xubilares: alí poderedes degustar, como se establece, esta esperanza que nos leva á misericordia.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















