E se falamos do Seminario?

Coa festa de San Xosé, a Igrexa celebra o Día do Seminario. Unha oportunidade para pensar no Seminario como institución eclesial que axuda aos mozos que queren prepararse para ser sacerdotes. Unha xornada tamén para orar polas vocacións e por aqueles que están nese camiño de discernimiento que lles leve a descubrir o que o Señor pide das súas vidas: actualmente catro na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol. Unha data para orar ao “Dono da més que siga enviando obreiros á súa més” porque “a més é moita e os obreiros poucos”. Unha posibilidade para reflexionar sobre a misión do ministerio sacerdotal na comunidade eclesial, a súa imprescindible tarefa no alimento e a formación da comunidade, no servizo da unidade, a evanxelización e do coñecemento do evanxeo. Unha ocasión para descubrir que toda vida é unha vocación e unha misión, que os bautizados miran o futuro desde esta clave, que hoxe tamén se pode e se debe facer a proposta do camiño sacerdotal para os nosos nenos e mozos. Un momento privilexiado para ollar o futuro da Igrexa con esperanza, con confianza e con espírito de conversión e cambio.

É certo que vivimos momentos complexos nos que a resposta vocacional non é tan numerosa como o foi noutros momentos. É un signo máis da crise de fe que atravesamos e do cambio de época no que nos atopamos. As nosas comunidades cristiás serán cada vez máis pequenas, máis pobres, menos influentes… Así mesmo, as formas de cristiandade que vivimos ata o de agora, moi vinculadas á celebración en todas as parroquias, están a verse xa transformadas. A mobilidade, como elemento fundamental da nosa sociedade, tamén a teremos que incorporar á nosa vida de fe, reuníndonos en centros onde os poucos sacerdotes que existen se poidan desprazar para a celebración da eucaristía e para alentar unha mínima vida comunitaria.

Porque os seminaristas prepáranse para ser sacerdotes dunha nova época, cuns desafíos ben diferentes aos que afrontamos hai uns anos, aínda que co constante reto da evanxelización, que sempre é nova e permanente. Hano de ser en comunidades máis sinodais e protagonistas, que viran ao redor da eucaristía e o bautismo, en lugar de facelo en torno ao sacramento da orde, que nalgúns pode producir un desenvolvemento non maduro da fe. E han de ser sacerdotes nun mundo descreído, indiferente, o que provoca que a súa vida, perdida segundo os valores do mundo, haxa de estar máis sostida nas raíces da fe e do encontro profundo con Xesús, acompañado do amor á xente.

Certamente que é un reto difícil, complexo… pero apaixonante, cheo de satisfaccións e de alegrías, de plenitude e de gozo, propio dos mozos que buscan metas altas. Necesítanse corazóns grandes, abertos aos grandes ideais, abertos a Xesucristo, que é o único que sacia a sede do corazón humano.

Queridos mozos: Convídovos a levantarvos e poñervos en camiño, como nos di o lema deste ano. É preciso poñerse en pé, deixar a comodidade que ás veces nos esgota, poñerse en camiño na procura doutras formas que satisfagan as nosas procuras de felicidade e de plenitude. Descobre que a túa vida é unha misión, que tes unha tarefa neste mundo, que Deus espera moito de ti… Escoita e acolle a invitación que Deus che fai para dar a túa vida para xerar moita vida ao teu redor. Paga a pena!

Queridas familias: Convídovos a vivir a fe no seo dos vosos fogares, converténdoos así en verdadeiras igrexas domésticas. Cando se descobre, na familiaridade do fogar, a beleza de Deus, é máis doado percibir a ledicia dunha vocación como dita para todos.

Queridos sacerdotes: Que a nosa vida entregada, austera e feliz no traballo pastoral cotián, sexa o mellor reclamo para a nosa permanente e constante proposta vocacional aos nenos e mozos.

Queridas comunidades cristiás: Na medida en que percibamos a grandeza e importancia do ministerio sacerdotal, xunto coa necesaria participación e protagonismo na vida eclesial, estaremos a xerar un caldo de cultivo adecuado para o florecemento de novas vocacións. Non nos cansemos de orar e de sementar.

O voso irmán e amigo.

+Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas