Di a canción de Viveiro: “Boga, boga mariñeiro, imos pra Viveiro, xa se ve San Roque”. En Celeiro facíase unha versión “Xa se ve a Pena dá Alba (Penalba)”. Cando os peregrinos, os templarios, a Orde de San Xoán de Xerusalén, arribaban a Terra Santa no porto de Haifa, ou no seu próximo de Acre, o primeiro que atisbaban era “o monte Carmelo”.
Sobre este monte a comunidade de carmelitas (Ordo Fratrum Beatissimæ Virginis Mariæ de Monte Carmelo), e probablemente previas comunidades de ermitáns, sinalizaron o lugar cunha cruz. Esa será “a Estrela da Mañá”, o faro que guiaría a tantos mariños, onde se situaría o primeiro santuario dedicado á Virxe do Carmen, e onde a tradición da Virxe do Carme e a cruz únense nunha mesma devoción dos mariñeiros. Deste xeito, os emblemas dos carmelitas portarán o monte, as estrelas e a cruz.
A presenza de cristos e a súa devoción en portos e santuarios ligados coa navegación, con Flandes e mesmo con América, presentan un primeiro momento de devoción da xente do mar, previa á advocación do Carmen, na honra a cristos e eccehomos.
O Ecce Homo da Misericordia de Viveiro é unha antiquísima imaxe que, parece ser, púidose incorporar a un santuario renacentista vivariense ligado á tradición franciscana “da Misericordia” e representada nunha Virxe María. No caso próximo de San Xoán de Espasante, existiu unha capela de “a misericordia”. Tamén en Espasante o sabor é propiamente franciscano, con outra capela dedicada a san Antonio de Padua e coa presenza en imaxinería do propio san Roque.
Ningún barco faise á mar sen enfiar primeiramente a proa e a navegación cara á capela da Misericordia. A súa relación co mundo do mar manifesta claramente a navegación en época de Carlos V e os Austrias, desde o porto de Viveiro ata os seus territorios en Flandes. O intercambio de mercadorías e especialmente dos chamados “lenzos de Viveiro”, constituía un importante baluarte da economía da época.
Por outra banda, a almacenaxe e produción das materias primas dos mesmos tecidos provocara varios incendios de consecuencias nefastas na antiga vila. Nese momento a relación dos portos do norte con Inglaterra, os Países Baixos, Francia, e logo con América, achéganos datos sobre a chegada de imaxes deses países, que especialmente ante os acontecementos da implantación do protestantismo, transportarán moitas imaxes procedentes de Europa para o seu rescate ou comercio. Por este motivo, a nosa diocese conta con imaxes que chegaron desde eses países polo mar neses momentos: a Virxe de Valdeflores, a Virxe Inglesa da catedral mindoniense, o Cristo das Cadeas de Neda…, e moitas veces ligadas a militares da infantería.
Ao mesmo tempo, a capitalidade de Valladolid e a relación comercial, ligada a familias de fidalgos das diferentes liñaxes das vilas do norte, emparentados ou con forte presenza na cidade castelá, vai facer que algúns autores, imaxes, influencias artísticas… xoguen un papel importante na nosa zona nos séculos XV, XVI e XVII.
A antigüidade das dúas imaxes vivarienses ás que nos referimos impide atopar datos de autorías e espazos concretos de orixe, pero o contexto do porto e a época lévanos a pensar algunha posibilidade do que nos referimos anteriormente.
O Cristo dos Franceses situado na Orde Terceira de Viveiro, foi un Cristo de crucifixo, readaptado posteriormente a Ecce Homo. Vai sempre ligado a que a el rezaron os vivarienses durante o asedio dos franceses, que no noso caso, sucedeu en febreiro de 1809.
O Ecce Homo da Misericordia presenta unha postura que claramente nos está referindo que esa talla realizouse para ser vista desde abaixo. É probable que o seu emprazamento orixinal fose no alto dalgún retablo ou hornacina.
No ano 2006 nace a Confraría da Misericordia de Viveiro, desde a inquietude dos mozos, cun forte respaldo da devoción das xentes do mar.
Atopamos a devoción de “as Tres Gracias” noutros santuarios como Pontevedra, á luz da evanxelización de franciscanos e dominicos. Foron as ordes mendicantes (as de predicadores) as que instauraron esta tradición que en Viveiro vai ligada a unha ponte que se cruzaba desde a vila e que precisamente leva o nome de “Ponte da Misericordia”.
Como cada primeiro venres de marzo, este é o seu día, e na capela (de 1603) do que foi o Pazo de Rodrigo Alonso de Alfeirán, acollerá as celebracións dos fieis. Do mesmo xeito a Orde Terceira honrará na o Cristo dos Franceses que procesiona desde principios do século XIX na tarde do domingo de Ramos.
Actos en Viveiro
Para o venres 3 de marzo, na Capela da Misericordia, celebrarase a festa das Tres Gracias, con eucaristías ás 9, 12, 17, 19 e 21:00 horas. A capela permanecerá aberta de 8:30 a 22:00 horas.
Na igrexa de San Francisco, parroquia de Santiago, celebrarase unha eucaristía solemne ás 20:00 horas en honra ao Ecce Homo “dos franceses”.