O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado do bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e do concelleiro de Cultura, José Ponte Far, revelou que a biblioteca da poetisa Julia Uceda, falecida o pasado mes de xullo, quedará en Ferrol. “Anunciamos algo importante para a cidade como é apostar pola cultura e nesta iniciativa unímonos o Concello de Ferrol e Diocese de Mondoñedo-Ferrol”. Xuntos- avanzou o rexedor- levaremos a cabo importantes proxectos de recuperación do patrimonio e tamén de conservación do mesmo, no que podemos incluír esta doazón da biblioteca de Uceda.
José Manuel Rey: “Un verdadeiro tesouro para compartir con futuras xeracións”
Rey Varela agredeceu as xestións levadas a cabo polo concelleiro de Cultura para que estes fondos quedaran na cidade. “Non hai nada máis bonito que recibir esta biblioteca, grazas a Julia e á súa familia por este acto tan xeneroso”. E sinalou que “a biblioteca que estamos a acoller non é só un simple conxunto de libros, senón un verdadeiro tesouro que nos permitirá seguir compartindo as palabras e os pensamentos de Julia con futuras xeracións”. A poeta, Premio Nacional de Poesía, tiña na súa casa de Serantes unha gran biblioteca, variada e diversa, propia dunha lectora ávida, desexosa de seguir aprendendo cada día. Rey Varela revelou que lle gustaban os autores clásicos e modernos, e “podemos ver que unha parte importante dos seus fondos estaban adicados á poesía cunha selección de obras do escritor Ramón J. Sender, un dos seus favoritos, e de José Hierro, o seu poeta máis preciado”. Entre os exemplares atópanse os libros máis antigos e fundamentais para a cultura da humanidade como a Epopeya de Gilgamesh, El Mahabarata, a Biblia ou Corán, entre outros, ademais de libros en castelán e en inglés. Tamén libros infantís, de cociña, sobre a música, xeografía, filosofía, política, ciencias sociais, arte, pintura…
José Antonio Ponte: “Non hai ninguén mellor que a diocese para albergar estes fondos”
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, revelou que na casa da poeta “había catro estanterías cheas de libros moi interesantes e importantes e todos non cabían en dependencias municipais”. Por iso, “en vez de fragmentar a biblioteca, decidimos buscar a alguén que se fixera cargo de toda ela, e non hai ninguén mellor que a diocese para albergar todos estes fondos”, avanzou. Así compartirán espazo cos libros xa donados á diocese polo escritor Fernando Bores, íntimo amigo de Julia Uceda e ambos promotores do Premio Esquío de Poesía de Ferrol, e tamén haberá un espazo para os libros de medicina do psiquiatra Rafael Palacios, esposo de Julia Uceda, que faleceu hai anos.
Mons. Fernando García: “A diocese seguirá servindo á cidadanía e á cultura desde a fe”
Na súa intervención, o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, mostrou a súa alegría porque este legado “quede entre nós”. Remarcou que a Igrexa “veu realizando un importante servizo para a cultura ao longo da historia (…) e a nosa diocese seguiuno mantendo a través das súas importantes bibliotecas: a do Seminario e a catedral, en Mondoñedo, e a de “Estudios Mindonienses” en Ferrol. Confirmou que “estamos a traballar para ampliar estes espazos noutros lugares, pero mentres chega esta posibilidade, a biblioteca de Julia Uceda instalarase na Domus Ecclesiae de Ferrol, onde se tratará documentalmente, ofrecendo así á cidadanía este fondo tan valioso“. “Oxalá que sexa unha boa noticia para a cultura da cidade e que a nosa diocese siga facendo ese servizo tan importante á cultura desde a fe“, concluíu.
Outras donacións
Ademais desta nova doazón, formada por setenta caixas de libros e que onte foi recepcionada polos técnicos do bispado, a diocese recibiu durante os últimos meses outras importantes bibliotecas: a da relixiosa e escritora cambadesa Engracia Vidal, fundadora e primeira directora da revista Encrucillada; a do arquitecto técnico ferrolán Fernando Bores, impulsor da Colección Esquío de Poesía; e a de Juan José Caruncho, exseminarista e profesor de latín e grego no instituto Concepción Arenal de Ferrol. A elas iranse sumando as do teólogo Segundo Leonardo Pérez, de máis de 40.000 volumes, e a do profesor de Instituto Teolóxico Compostelán e director do anuario diocesano Estudios Mindonienses, Benito Méndez.
Fonte: Concello de Ferrol/Diocese
Tamén che pode interesar
Bibliotecas de Mondoñedo-Ferrol
As bibliotecas diocesanas comezan a catalogación do seu fondo moderno
La biblioteca de la Domus Ecclesiae finaliza el inventariado de su fondo antiguo
A biblioteca «Estudios Mindonienses» de Ferrol intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















