Para orar cada día

28ª Semana del Tiempo Ordinario
Martes 13 de octubre de 2026. Festividad de San Eduaro o Confesor
Comentarios preparados por el grupo de voluntariado de la parroquia de Mandiá (Ferrol)

«Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade»

Lucas 11, 37-41

Mentres Xesús falaba, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou e púxose á mesa. Ó fariseo estrañoulle que non se lavase as mans antes de comer. Pero o Señor díxolle: ‑ Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. ¡Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? Pois logo, dade en esmolas o que hai dentro, e veredes como tódalas cousas serán limpas para vós.


Comentario

Os Evanxeos móstrannos que ao Señor lle importaba pouco o “que dirán” e o “politicamente correcto”; por iso, a pesar de a quen lle pese, ambas cousas non deben ser norma de actuación de quen se considere cristián. Xesús condena claramente a actuación propia da dobre moral, a hipocrisía que busca a conveniencia ou o engano. Coma sempre, a Palabra de Deus interpélanos sobre usos e costumes da nosa vida cotiá, na que acabamos convertendo en “valores” trolas que intentan disimular os pecados de soberbia, egoísmo e orgullo, nun intento de “globalizar” a moral no politicamente correcto, para non desentoar e non quedar marxinados, sen que importe o prezo a pagar, pois, a fin de contas, todo o mundo o fai.

Se somos testemuñas de Cristo, habemos de saber que a verdade sempre é e será verdade. Esta é a nosa misión no medio da sociedade, procurando manternos limpos segundo o modelo de home que Deus nos revela en Cristo. A limpeza do espírito pasa por enriba das formas sociais e, se nalgún momento nos xorde a dúbida, lembremos que os limpos de corazón verán a Deus.


Para reflexionar

Os fariseos observaban a lei ao pé da letra, eran incapaces de percibir o espírito da lei, o obxectivo que a observancia da lei quería alcanzar na vida das persoas.
Para ser fiel ao que Deus nos pide, non basta observar só a letra da lei. Isto sería o mesmo que limpar o vaso ou o prato por fóra e deixar o interior cheo de sucidade. A plenitude da lei realízase na práctica do amor.
A nosa Igrexa, merece hoxe esta acusación de Xesús contra escríbalos e os fariseos?
E eu, merézoa?


Oración

Señor Xesús, limpa o meu corazón de aparencias, egoísmos e falsidades. Ti que creaches o meu exterior e o meu interior , axúdame a vivir con autenticidade e ser verdadeiramente xeneroso cos demais.